170 NENOS E NENAS DIXERON NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO NA FESTA DA IGUALDADE
30/11/2015
O 25 de novembro, na xornada na que se celebrou o Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, 170 alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de primaria dos CEIP Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e Caión participaron na primeira edición da Festa da Igualdade que se desenvolveu hoxe en horario escolar, de 10:00 a 14:00 horas, no pavillón polideportivo de Paiosaco.
Foi a primeira edición desta exitosa xornada lúdica de convivencia organiza e coordinada polo Concello da Laracha, o Centro de Información ás Mulleres (CIM) e os equipos directivos dos tres colexios participantes.
Ao longo da mañá realizáronse moi diversas probas, actividades e xogos, todos eles baseados na cooperación, a xestión das emocións, os bos tratos, a igualdade de oportunidades e a educación en corresponsabilidade.
Exemplos de actividades foron a creación dun mural no que se debuxou un gran lazo morado como símbolo de total rexeitamento á violencia de xénero. Noutro mural os nenos foron colocando papeis nos que expresaban os seus desexos de futuro e os compromisos que eles mesmos expuxeron para reforzar a idea de igualdade entre homes e mulleres. Os xogos foron competicións baseadas en tarefas domésticas como facer a cama, emparellar calcetíns e empregar a vasoira.
Esta foi unha das iniciativas desenvolvidas no Concello da Laracha no marco do programa en torno ao 25 de novembro, que tamén inclúe obradoiros de prevención no IES Agra de Leborís, programación específica na aula lúdica municipal, obra de teatro Manar na Casa da Cultura, stand informativo do CIM e excursión organizada polos CIMs da Laracha e de Arteixo ao museo do xoguete de Ponteceso dirixida a mulleres e aos seus fillos e fillas.