• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Comeza a impartirse a formación específica no Programa Integrado de Emprego que organizan Concello e Xunta

03/03/2020

O programa integrado de emprego que se está a desenvolver no Concello da Laracha co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia iniciou a fase relativa á formación específica. Medio centenar de persoas comezaron as clases teóricas nas especialidades que mellor se adaptan ás características de cada participante segundo o resultado dos estudos personalizados aos que se someteran previamente.

Unha desas formacións específicas é a atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais, que ten unha duración de 320 horas e o alumnado que as supere recibirá o correspondente certificado de profesionalidade que acreditará de xeito oficial a súa formación, cualificación e competencia para o exercer a profesión.

As outras dúas especialidades son itinerarios profesionais centrados nas actividades auxiliares de almacén (210 horas) e na administración e servizos (430 horas). En ambos casos a parte teórica é impartida en aulas habilitadas no edificio administrativo da Laracha. A aprendizaxe da parte práctica levarase a cabo respectivamente na nave municipal existente no parque empresarial e no propio Concello.

Este programa integrado de emprego vai dirixido a persoas residentes no termo municipal da Laracha que se atopan en situación de desemprego e ten un obxectivo de inserción laboral do trinta e cinco por cento. O número total de participantes é de cen, dando preferencia a determinados colectivos (persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, menores de 30 anos, maiores de 45 anos, mulleres e desempregados de longa duración). O equipo profesional está formado por tres orientadores prospectores e un administrativo.

Ademais da formación específica, todas as persoas participantes tamén reciben outra formación transversal, idéntica para todos independentemente da súa especialidade, centrada no desenvolvemento de accións dirixidas a reforzar as habilidades e técnicas de busca de emprego, asesoramento sobre autoemprego, cursos de aprendizaxe de novas tecnoloxías e idiomas, obradoiros sobre mobilidade laboral e coaching para o emprego.

Durante a súa participación no programa os participantes gozan de medidas de axuda á conciliación que porá a súa disposición o Concello da Laracha. Ademais, pola asistencia a cada acción formativa percibirán unha bolsa diaria de cinco euros.

Coa organización deste programa integrado de emprego o Concello e a Xunta de Galicia pretenden axudar aos participantes a aproveitar as oportunidades de emprego que se ofrezan no termo municipal e na súa área de influencia en sectores con crecente demanda de perfís profesionais. As accións formativas oriéntanse cara ese ámbito e acompáñase nos itinerarios individualizados ás persoas que se atopan actualmente en situación de busca activa de emprego para aumentar as súas capacidades e, por tanto, as súas posibilidades de inserción no mercado laboral.