• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Os nove locais participantes en "A Laracha de Tapas" ofrecerán as súas elaboracións a 1,50 euros

03/03/2020

A sétima edición do concurso A Laracha de tapas celebrarase do venres ao domingo co obxectivo de dinamizar o tecido comercial e hostaleiro do municipio. O evento foi presentado hoxe no Concello da Laracha polo alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, xunto a representantes dalgúns dos locais que forman parte do evento. 

O rexedor municipal agradeceu a participación do sector hostaleiro a esta iniciativa municipal do mesmo xeito que sucedeu en anteriores edicións. López Varela destacou a “calidade impresionante das tapas” e agarda que este evento volva facer da Laracha “un lugar de referencia para vir de visita” nesta fin de semana.

A relación dos nove locais que participan en A Laracha de Tapas e as súas elaboracións é a seguinte:

  • Hotel-Restaurante ABC: Volovan.
  • Café Bar Aqua: Timbal de sabores.
  • Café-Bar Guadalupe: Roliño de Entroido.
  • Manhattan Skyline: Croquetas galegas.
  • Café-Bar Mariño: Bacallau en salsa.
  • O Noso Café: Garavanzos con lagostinos.
  • Cervexaría O Trasno: Brocheta Mariñeira.
  • Bar Sara: Mini Sara.
  • Café Bar O Encontro: Salpicón de marisco.

As tapas estarán a disposición do público ao prezo de 1,50 euros o venres en horario de tarde-noite (de 19:00 a 00:00 horas), o sábado tanto en horario de mañá (12:00 a 15:00 horas) como de tarde-noite (19:00 a 00:00 horas) e o domingo pola mañá (12:00 a 15:00 horas).

Do mesmo xeito que en anteriores edicións, haberá 750 euros en premios para os establecementos participantes. O galardón do xurado popular á mellor tapa está dotado con 200 euros e será decidido directamente polos clientes. Cada establecemento terá a disposición do público urnas pechadas e as papeletas para emitir as votacións, que deberán estar debidamente cubertas e contar co selo de tres locais, xa que para votar é imprescindible ter degustado tres tapas diferentes. Todos os votos válidos entrarán no sorteo dos regalos doados polas empresas colaboradoras.

A categoría do xurado profesional contará cun primeiro (300 euros) e un segundo premio (250 euros). Os seus membros serán os bloggers gastronómicos  José Antonio Domínguez (www.rutasyrestaurantes.com), Antonio Doce (www.eloctopuslarpeiro.com), María Pérez (www.desayunacoruña.com) e María José Basanta (laurelycanela.blogspot.com).  

Ademais, o Concello distribuirá un mapa de localización de todos os establecementos participantes, indicando as tapas que se ofrecen en cada un deles e o seu emprazamento. Tamén haberá un tren turístico que realizará continuamente unha ruta entre os locais que participan no concurso.