• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concurso

Nove locais participarán na próxima fin de semana na 7ª edición de A Laracha de Tapas

29/02/2020

Na próxima fin de semana, do venres 6 ao domingo 8 de marzo, celebrarase unha nova edición, a sétima, do concurso A Laracha de tapas, xa consolidado como unha das citas de referencia para o sector hostaleiro da capital municipal.

Nove son os establecementos participantes: Hotel-Restaurante ABC, Café Bar Aqua, Café-Bar Guadalupe, Manhattan Skyline, Café-Bar Mariño, O Noso Café, Cervexaría O Trasno, Bar Sara e Cafetería O Encontro.

En todos eles ofreceranse as elaboracións, que incluirán produtos de temporada, ao prezo de 1,50 euros o venres 6 (de 19:00 a 00:00 h), o sábado 7 (12:00 a 15:00 h e 19:00 a 00:00 h) e domingo 8 (12:00 a 15:00 h).

Igual que en pasadas edicións están establecidos tres premios. Dous deles (300 e 250 euros) serán outorgados polo xurado profesional ás que consideren que son as dúas mellores tapas. O galardón do xurado popular (200 euros) será decidido directamente polos clientes, podendo votar á súa elaboración favorita aquelas persoas que consumisen as tapas de tres locais. Entre todos os votos sortearanse regalos doados polas empresas colaboradoras e os establecementos participantes.

O Concello tamén porá a disposición dos consumidores de xeito gratuíto un tren turístico cunha ruta que percorrerá as localizacións dos nove locais participantes.

Esta sétima edición de A Laracha de Tapas será presentada o martes 3 de marzo nun acto que se desenvolverá na Casa do Concello.