• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O concello presenta á Xunta de Galicia o proxecto para a organización dun novo programa integrado de emprego

27/02/2020

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse presentar á Xunta de Galicia un novo proxecto de programa integrado de emprego ao abeiro da convocatoria de subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria para o desenvolvemento deste tipo de iniciativas (DOG do 30.01.2020).

O Concello pretende poñer en marcha este programa que tería un orzamento de 250.000 euros e unha duración total de doce meses. Durante ese período, cen persoas en situación de desemprego serían informadas, orientadas e asesoradas en materia de busca de emprego con entrevistas individualizadas e, a continuación, recibirían formación transversal en diversas materias (entre elas, limpeza en edificios e oficinas, manipulación de alimentos e manexo de carretillas elevadoras) e específica en dúas especialidades diferenciadas, que serían a atención sociosanitaria a persoas en institucións e socorrismo en espazos acuáticos naturais. Por último, realizaríanse prácticas profesionais non laborais en empresas.

Este programa foi deseñado coa pretensión de aproveitar as oportunidades laborais que ofrece o termo municipal da Laracha e o seu entorno en sectores con crecente demanda de perfil profesionais. As accións formativas serían orientadas cara eses ámbitos, acompañando aos participantes nos seus itinerarios individualizados para aumentar as súas capacidades. O obxectivo final sería acadar unha inserción laboral do trinta e cinco por cento.

Contratación de persoal

Outras solicitudes de subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria autorizadas pola Xunta de Goberno no día de hoxe céntranse na creación de postos de traballo para prestar servizos de interese xeral para a cidadanía.

Por unha banda, o Concello da Laracha mostra o seu interese por participar no programa APROL Rural. A proposta consiste na contratación de catro peóns a xornada completa e durante un período de nove meses para formar as cuadrillas medioambientais municipais encargadas do servizo de mantemento e valorización de zonas verdes públicas.

Ao abeiro da convocatoria de axudas para o fomento do emprego e a mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais preténdese contratar dous socorristas para prestar servizo durante a próxima temporada de verán na praia de Caión. 

O outro programa de emprego é referido á contratación temporal de persoas en situación de risco de exclusión social e perceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA). O Concello propón crear, por medio desta liña de axudas, un equipo de mantemento de espazos medio ambientais durante un período de nove meses.  

Promoción da Igualdade

O Concello da Laracha tamén pretende acollerse a catro liñas de axudas convocadas pola Secretaría Xeral de Igualdade para a promoción da igualdade. Terían por destino o mantemento de servizos municipais como o Centro de Información ás Mulleres (a subvención centraríase no cofinanciamento dos gastos do persoal deste departamento), o Programa Harmoniza de axuda á conciliación da vida persoal, familiar e laboral (servizo de aula lúdica e de Madrugadores), organización de obradoiros de prevención da violencia de xénero nos centros de ensino e posta en marcha dun programa de intervención de carácter integral coas mulleres vítimas de violencia de xénero ou que se atopen en situación de vulnerabilidade.