Concello
A escola infantil da Laracha abriu a oitava aula e ten cubertas 91 das 115 prazas dispoñibles
21/02/2020
A escola infantil pública da Laracha, integrada na rede A Galiña Azul, abriu neste mes de febreiro a súa oitava aula ante a crecente demanda deste servizo dirixido a nenos de ata tres anos de idade. Na actualidade o número de usuarios ascende a 91, tendo a escola infantil unha capacidade total de 115 prazas. Por tanto non existe lista de agarda e foi concedida a praza a todas as solicitudes presentadas.
Esta mañá o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, estivo na Laracha para manter unha xuntanza co alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, e a directora da escola para interesarse polo inicio da actividade nesa nova aula, que implicou a incorporación de dúas novas educadoras. Actualmente a plantilla do centro está formada por tres mestres, trece educadoras e dúas persoas que realizan actividades de servizos xerais, ademais do persoal encargado da limpeza e do comedor.
O rexedor municipal salientou a importancia do investimento realizado no seu momento na ampliación da escola infantil por parte da Xunta de Galicia, que permitiu abrir o ano pasado a sétima aula debido á crecente demanda e, agora, a oitava. López Varela tamén se referiu ao aumento da poboación e a cifra de nacementos que se está a rexistrar no termo municipal da Laracha, o que é un indicativo da previsión de que nos próximos anos continúe incrementándose o número de usuarios.
Ademais, o alcalde aplaudiu a iniciativa da Xunta de Galicia de establecer desde o próximo mes de abril a gratuidade do servizo da escola infantil para os segundos fillos e os sucesivos, considerándoo como unha importante axuda económica para as familias.