Concello
O Concello e Sogama desenvolven unha nova campaña de compostaxe dirixida aos veciños residentes no rural
22/02/2020
O Concello da Laracha e a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) desenvolven unha nova campaña medioambiental centrada na promoción da compostaxe doméstica que vai dirixida a veciños residentes en núcleos rurais.
As persoas que o soliciten recibirán un composteiro doméstico de xeito gratuíto. As instancias deben presentarse no rexistro do Concello presencialmente ou ben a través da sede electrónica. Atenderanse por orde de entrada. Nos próximos días o Concello porase en contacto coas persoas que xa fixeron ese trámite e que estaban en lista de agarda para indicarlles o lugar, data e hora de recollida. Tamén se realizará unha charla informativa para explicar como é o seu uso.
A compostaxe doméstica non é máis que a reciclaxe en orixe da materia orgánica, converténdoa nun abono natural con excelentes propiedades para o solo e que o propio particular pode utilizar no seu xardín, horta ou terras de cultivo, substituíndo aos fertilizantes artificiais.
Con esta iniciativa procúrase o dobre obxectivo do respecto ao medioambiente e tamén económico, xa que, por unha parte, as vivendas produtoras de compost poderán utilizado para o seu uso persoal e, ademais, reducirase a carga de residuos sólidos urbanos recollidos nos colectores.