• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O novo plan de transporte público da Xunta transformará o servizo no Concello da Laracha

22/02/2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta está poñendo en marcha de xeito gradual no territorio galego o novo Plan de Transporte Público no que se establecen as liñas e servizos que funcionarán durante os próximos dez anos.

No Concello da Laracha este plan –actualmente en fase de licitación- suporá a transformación do servizo incorporando melloras substanciais que ofrecerán novas oportunidades e unha maior comodidade para os usuarios do transporte público, en especial aos residentes nas zonas rurais.

A implantación do transporte integrado permitirá que calquera persoa poida empregar para os seus desprazamentos as vinte e tres rutas dos autobuses escolares do IES Agra de Leborís e dos CEIPs Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e Caión. Estas rutas compartidas contarán con novas paradas en puntos estratéxicos como o centro de saúde da Laracha.

Ademais, incorporarase o transporte baixo demanda, que permitirá levar o autobús a máis núcleos rurais. Estes servizos prestaranse cando sexan solicitados previamente polos usuarios cunha chamada telefónica. 

Por tanto, a mellora será moi significativa tanto no transporte entre as parroquias e os núcleos urbanos –especialmente con A Laracha, que é o destino de vinte rutas de transporte escolar- e tamén interparroquial no rural.

Cabe lembrar, tamén, que o Concello da Laracha forma parte do Plan de Transporte Metropolitano da área da Coruña, o que leva consigo unha serie de beneficios para os usuarios como bonificacións no prezo das viaxes, transporte gratuíto para menores de 21 anos de idade e que os autobuses que comunican A Laracha con A Coruña accedan directamente ao centro da cidade herculina.