• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concurso

O Concello licitará nos próximos días o novo contrato do servizo de axuda no fogar

15/02/2020

Nos próximos días o Concello da Laracha publicará na Plataforma de Contratación del Sector Público e no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) o anuncio da licitación do novo contrato da prestación do servizo de axuda no fogar (SAF), tanto en réxime de dependencia como de libre concorrencia. Nese momento abrirase o período de trinta días naturais para a presentación de ofertas.

O SAF consiste na prestación dun conxunto de atencións, na súa propia vivenda, ás persoas que teñan limitada a autonomía e que pretende potenciar as súas capacidades desde unha perspectiva integral e normalizadora e sen substituír ás familias nas responsabilidades de atención aos beneficiarios. Trátase dun servizo que o Concello considera prioritario e por ese motivo o alcalde, José Manuel López Varela, xa apuntou no último Pleno que ningunha persoa que o precisase quedaría ser atender.

Os pregos que rexen este procedemento de contratación establecen que o prezo máximo de licitación da hora do servizo será de 20,15 euros de luns a sábado e de 21,91 euros os domingos e festivos. O límite anual sería de 12.000 horas e, por tanto, o orzamento máximo de licitación ascende a 928.732,06 euros anuais. A duración do contrato é de dous anos prorrogables por outros dous máis (máximo de dúas prórrogas de un ano cada unha).

A adxudicación realizarase por procedemento aberto, valorándose ademais da oferta económica máis vantaxosa criterios como a prestación de servizos complementarios para os usuarios sen aumento dos custes e outras melloras na xestión.

Tamén se establece o persoal necesario para a prestación do SAF, sendo un coordinador do servizo a xornada completa e outro a media xornada, un axudante de coordinación e un mínimo de trinta auxiliares de axuda no fogar. O novo adxudicatario deberá subrogarse en todos os dereitos e obrigas do persoal vinculado actualmente á prestación do servizo no Concello da Laracha.