• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O SÁBADO, OITAVA EDICIÓN DO DÍA DO DEPORTE DA LARACHA

31/05/2016

O deporte tomará as rúas da Laracha este sábado, día 4 de xuño, coa celebración do Día do Deporte, un dos habituais eventos na programación municipal que este ano alcanza a súa oitava edición. Os obxectivos da xornada son fomentar a práctica de diversidade de tipos de actividade física e promocionar os estilos de vida saudables entre persoas de todos grupo de idade, en especial dos nenos e dos maiores.   

Tal e como se fixo en anos anteriores, nesta edición continuarase apostando por ofrecer aos participantes un amplo abano de posibilidades para practicar moi diversas disciplinas e tamén propostas lúdicas relacionas coa actividade física e o deporte.   

Desde as 10:00 horas, e durante toda a mañá, a explanada situada xunto ao IES Agra de Leborís e a biblioteca municipal da Laracha será o punto de encontro para todas as persoas que desexen participar e formar parte dunha xornada saudable, deportiva e lúdica. Poderanse practicar modalidades como o baloncesto, aeróbic, tiro con arco, xadrez, ximnasia de mantemento, patinaxe, fútbol 3x3, chave, equitación, bicicleta de montaña e badminton.   

Ofrecerase a posibilidade de practicar estes deportes de forma libre e, nalgúns casos, tamén na modalidade de competición, para o que será precisa a inscrición previa no propio lugar do desenvolvemento da actividade.   

Ademais, as propostas lúdico-deportivas que estarán a disposición dos participantes serán a equitación, karts, escalada tobogán, minigolf, ra, rolo, pista de arcos con obstáculos e xogos xigantes de madeira para practicar en familia.   

Durante toda a xornada permanecerán instalados dous stands nos que se ofrecerá información relativa á alimentación e será promocionada a práctica de estilos de vida saudables. Un dos postos estará atendido pola Xunta Local da Laracha da Asociación Española Contra o Cancro. No outro stand, un técnico nutricionista realizará a todas as persoas que o desexen a proba do índice de masa corporal, así como unha serie de directrices e prácticas alimentarias dirixidas a alcanzar o peso ideal.   

O final da xornada está previsto para as 13:30 horas, momento no que se realizarán os sorteos dos premios doados polas empresas colaboradoras entre todas as persoas que participaron nalgunha das modalidades deportivas durante a mañá.   

Na organización do evento colaboran co Concello da Laracha: Deputación Provincial da Coruña, Abanca, Hidroeléctrica Laracha, Supermercados Gadis, Autoservicio Familia, Diario de Bergantiños, Deportes Miro, Deportes San Remo, Cervecería M3, Hotel-Restaurante ABC, Imprenta Esymar e a Asociación de Comercio, Servicios e Industria da Laracha (ACSIL).

Compartir: