• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Actividades para todos os públicos no programa municipal de Entroido

14/02/2020

O Concello da Laracha presenta o programa municipal de actividades que organiza con motivo da celebración das Festas do Entroido e que se desenvolverá do domingo 23 ao martes 25 de febreiro. As propostas van dirixidas a todos os públicos, sendo os nenos os principais protagonistas dos eventos do domingo e do luns, e o público en xeral o encargado de amenizar o tradicional concurso de disfraces do martes de Entroido, data establecida como festivo local no Concello da Laracha.

O domingo 23 de febreiro iniciarase o programa no pavillón polideportivo do IES Agra de Leborís co baile da disfraces. A xornada comezará ás 18:00 horas e estará amenizada pola Orquesta Israel. Ademais de disfrutar da música, da festa e do bailes, haberá xogos infantís e reparto de larpeiradas para todos os asistentes.

Aproveitando as xornadas festivas nos centros de ensino, o luns de 11:00 a 13:00 horas realizarase no baixo da biblioteca municipal da Laracha un obradoiro infantil de pintacaras, caretas e xogos de animación dirixido a nenos de educación infantil e primaria. A inscrición é gratuíta e debe formalizarse no Concello. As prazas son limitadas e serán outorgadas por orde de inscrición.

Tamén o luns, pero a partir das 17:00 horas, ofrécese o contacontos para bebés (nenos de 0 a 3 anos de idade) Un berce cheo de contos no que Migallas Teatro mestura a tradición oral, os álbums ilustrados e a música en directo. 

O evento central do programa de Entroido será o do martes 25 (festivo local na Laracha). Ás 17:00 horas principiará na Praza do Concello a verbena amenizada pola Orquesta Trébol. No descanso, a partir das 18:30 horas, celebrarase o tradicional concurso de disfraces, un certame dirixido a todos os públicos no que se repartirán máis de 3.000 euros en premios. 

As categorías de galardóns establecidas son as seguintes:

  • Individual infantil (ata 12 anos).
  • Individual adulto (a partir de 13 anos).
  • Parellas infantil (ata 12 anos).
  • Parellas adulto (a partir de13 anos).
  • Grupos (de 3 a 8 compoñentes).
  • Comparsas (máis de oito compoñentes).

 

En cada categorías haberá tres premios. Nas individuais a contía será de 60, 50 e 40 euros. Nas parellas, 70, 60 e 50 euros. Os grupos optarán a 250, 200 e 150 euros. E as comparsas mellora valoradas polo xurado levarán premios económicos de 600, 500 e 400 euros, ademais de accésits de 100 euros (máximo de dez) ao resto das comparsas participantes. 

As persoas, parellas, grupos e comparsas que desexen participar no Concurso de Disfraces do Martes de Entroido deben inscribirse entre ata o 24 de febreiro entre as 9 e as 15 horas.  Tamén poderán anotarse o propio día do evento na Casa do Concello en horario de 16:00 a 17:00 horas.

 

Descargas: 

Programa de Entroido

Bases Concurso Disfraces

Modelo inscrición Concurso Disfraces