• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello participa en Lituania no segundo evento do programa europeo centrado na crise migratoria

06/02/2020

O Concello da Laracha está a formar parte do segundo evento do proxecto Strengthening a Europe of solidarity in times of migration (Fortalecendo unha Europa solidaria en tempos de migración) que se está a desenvolver na cidade lituana de Kaunas. Esta é a segunda toma de contacto dos socios participantes despois da celebración do acto inicial en A Laracha no pasado mes de novembro.

A temática deste programa céntrase en acadar respostas á crise migratoria que se vive actualmente en Europa desde os valores da comprensión, a integración e a creación de novos puntos de vista para comprendela e afrontala. Estase a facer a través do diálogo e da reflexión social para contribuír a mellorar a comprensión cidadá da Unión Europea, a súa historia e diversidade, ademais de fomentar a participación democrática en relación ás políticas de migración e promover o voluntariado e o compromiso intercultural.

Os actos centrais no día de hoxe foron a recepción oficial no municipio de Kaunas co seu vicealcalde, Mantas Jurgutis, e o encontro no instituto de secundaria Kauno Ausros Gimnazija. Mañá realizarase unha visita oficial ao centro de refuxiados de Rukla.

Os socios son 29 municipios e entidades de 19 países europeos diferentes. O Concello da Laracha, que é quen lidera o proxecto, está representado neste evento en Lituania nas figuras do alcalde, José Manuel López Varela, e dos edís Ramiro Bello e Cristina Vieites.

O proxecto Fortalecendo unha Europa solidaria en tempos de migración é financiado integramente pola Unión Europea no marco do programa Europe for Citizens.