• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Avanzan as obras de construción do centro comunitario de Caión

10/12/2019

As obras de construción do centro comunitario de Caión avanzan a bo ritmo de actuación, como puideron comprobar o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro Jesús Souto nunha visita ao lugar no que se están a desenvolver os traballos.

Despois de completarse a fase de cimentación e os muros do sótano, agora está case concluída a construción dos muros exteriores. A continuación realizaranse a cuberta e as divisións insteriores das diferentes estancias.

É preciso lembrar que o proxecto está valorado en 1,2 millóns de euros cofinanciados polo Concello da Laracha, a Consellería de Política Social e a Consellería do Mar por medio do Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro Costa da Morte a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca da Unión Europea.

O edificio singular que se está a levantar alcanza os 882 metros cadrados de superficie divididos en dúas plantas. O centro comunitario de Caión será un edificio de vocación integradora dado que, ademais de dispor de aulas polivalentes e salas temáticas, albergará a Confraría de Pescadores e a oficina de información turística.