• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Xunta de Goberno adxudica a execución de proxectos de mellora da rede viaria na parroquia de Lestón

30/01/2020

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe foron adxudicados dous proxectos de mellora da rede viaria na parroquia de Lestón que están valorados en total  en máis de 140.000 euros.

As actuacións afectan tanto á zona urbana como a vías rurais. Así, na vila de Paiosaco será renovado o pavimento das rúas A Barreira, Blanco Amor, Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Laxe, incluíndo a sinalización horizontal coa marcaxe das marxes da plataforma da calzada para aumentar a seguridade viaria. Neste caso actuarase nunha distancia lineal duns seiscentos metros.

O proxecto na zona rural afecta á estrada que comunica Paiosaco co núcleo de Lestón. Tamén será renovado o pavimento para facilitar o tránsito dos vehículos. Está afectado polo proxecto un tramo de oitocentos metros máis outro ramal secundario de cen metros.

Nos próximos días completarase o procedemento de adxudicación coa formalización dos contratos e, a continuación, estarase en disposición de iniciar as obras.

Ademais, a Xunta de Goberno Local concedeu a licenza urbanística para a construción, no parque empresarial, dunha nave industrial de dúas plantas sobre rasante que se destinará á actividade de carpintería metálica. Este proxecto beneficiarase dunha bonificación do 95% na cota do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) en aplicación do artigo 6º da ordenanza fiscal número 17, que establece dito incentivo fiscal para as empresas que se implanten nese ámbito.

O Concello mostra a súa satisfacción por conceder esta nova licenza urbanística que permitirá continuar enchendo de actividade o polígono industrial e crear novas oportunidades para a xeración de emprego no termo municipal.