• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Laracha, Paiosaco e Caión acollerán a última campaña informativa do programa Ti tes a chave” antes de comezar a recollida da quinta fracción

28/01/2020

O próximo luns (3 de febreiro) o Concello iniciará a recollida da fracción orgánica (novo contedor marrón de residuos sólidos urbanos) en A Laracha, Paiosaco, Caión e a urbanización Monte Claro.

Nos próximos días intensificaranse as accións informativas dirixidas a que a veciñanza coñeza o programa Ti tes a chave e que se sumen ao voluntariado marrón para formar parte desta iniciativa, pioneira en Galicia, impulsada en colaboración con Sogama e que ten por finalidade reducir a cantidade de lixo que se deposita nos colectores xenéricos e poder recuperar os residuos orgánicos converténdoos en compost.

Así, mañá mércores a carpa informativa de Ti tes a chave estará pola tarde, en horario de 17:00 a 19:00 horas, no complexo deportivo da piscina municipal da Laracha. O xoves e o venres pola mañá (de 11:30 a 13:30 horas) estará na praza Eduardo Vila Fano de Caión e no campo da feira de Paiosaco respectivamente.

Nestes puntos informativos todas as persoas que o desexen poderán sumarse ao voluntariado marrón, recibindo o seu kit composto por un cubo ventilado dun volume de dez litros, bolsas compostables e unha chave coa que abrir os colectores da quinta fracción. Cabe lembrar que desde hai semanas tamén existe a posibilidade de anotarse cubrindo o formulario na web municipal e que os puntos de recollida dos kits están operativos na Casa do Concello, edificio administrativo e edificio de servizos múltiples (A Laracha), así como nos centros sociais de Caión e de Paiosaco.

Paralelamente, o Concello tamén completará este venres a instalación dos colectores marróns da quinta fracción coas súas correspondentes ancoraxes para posibilitar que os cidadáns poidan depositar neles os residuos orgánicos para a posterior recollida.