• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO CREA UN NOVO DEPÓSITO PARA O ALMACENAMENTO DE MATERIA VEXETAL E PLÁSTICOS DE SILO E INVERNADOIROS

31/05/2016

O Concello da Laracha está a habilitar unha nova infraestrutura vinculada ao punto limpo da Laracha e que consiste na creación  dun novo depósito para o almacenamento temporal de residuos de materia vexetal e tamén de plásticos de silo e invernadoiros.   

Con esa finalidade estase a construír un peche perimetral nun ámbito duns 2.500 metros cadrados de superficie na parcela de titularidade municipal que o Concello da Laracha dispón, para destinala a equipamentos públicos, no ámbito do parque empresarial. En concreto, sitúase no sector E5, isto é, a carón do aparcamento norte do polígono, con accesos desde A Laracha a través de O Campo da Porta e tamén pola parte posterior da siderurxia. 

O proxecto completarase coa mellora dos accesos rodados cara o interior da parcela e a correspondente sinalización nas vías próximas para informar da súa localización.  

A actuación que se está a executar ten un dobre obxectivo. Por unha parte, facilitar aos veciños o transporte deste tipo de material, poñendo a súa disposición un ámbito amplo e de fácil acceso para poder depositalos. Por outra banda liberarase de espazo ás instalacións do punto limpo, que en determinadas épocas do ano comezaban a ser insuficientes para recoller os plásticos e a materia vexetal para o seu posterior tratamento.  

O novo depósito será xestionado en exclusiva pola empresa concesionaria da prestación dos servizos que se ofrecen no punto limpo da Laracha, que actualmente é Aspaber.

Compartir: