Concello
O Concello establecerá o sentido único da circulación na rúa Silverio Moreda Alvariño
10/01/2020
A rúa Silverio Moreda Alvariño está situada no núcleo urbano da Laracha e enlaza dúas vías vertebradoras das comunicacións rodadas como son a Avenida Fisterra (estrada AC-552) e a Avenida de Caión (estrada DP-1913).
Nesa rúa actualmente está permitido o dobre sentido de circulación e existen tanto beirarrúas como zonas de aparcamento gratuíto de vehículos a ambas marxes. O Concello da Laracha, consciente das dificultades que iso implica para a circulación debido á escasa anchura da calzada, acordou tomar medidas para favorecer o tránsito rodado e aumentar a seguridade viaria.
Co propósito de conservar a totalidade das zonas de estacionamento de vehículos, e baseándose no informe emitido pola Policía Local, o Concello establecerá o sentido único da circulación na rúa Silverio Moreda Alvariño, con entrada pola Avenida Fisterra e saída pola Avenida de Caión, xunto á igrexa parroquial da capital municipal.
Antes de facerse efectiva a medida, nos próximos días procederase á colocación da correspondente sinalización vertical e tamén ao pintado das frechas do sentido único de circulación e das liñas lonxitudinais horizontais do carril, que tamén delimitarán os espazos reservados para o aparcamento.