• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

APROBADO POR UNANIMIDADE O CONVENIO CO SERGAS PARA A AMPLIACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE DA LARACHA

31/05/2016

O Pleno da Corporación municipal da Laracha reuniuse o venres 27 na sesión ordinaria correspondente ao mes de maio. A orde do día estivo composta por doce puntos, a maioría dos cales atendían a meros trámites administrativos.   

Como cuestións máis salientables cómpre destacar a aprobación, por unanimidade, do convenio de colaboración entre o Concello da Laracha e o Servizo Galego de Saúde (Sergas) para a execución das obras de ampliación e reforma do centro de saúde e punto de atención continuada (PAC) da Laracha.   

José Ramón Martínez Barbeito, que presidiu a sesión tras escusar a ausencia do alcalde, explicou que o Concello ten cedidas ao Sergas as instalacións do centro sociocultural de Santa Lucía para separar o punto de atención continuada (PAC) do centro médico, facendo unha nova entrada independente. Para Martínez Barbeito, a mellora proposta suporá “un antes e un despois nas instalacións sanitarias da Laracha”. O acordo establece un prazo de tres anos para que a ampliación e mellora do centro –que financiará integramente o Sergas- estean operativas.   

Outras cuestións aprobadas polo Pleno foron o expediente de modificación de créditos por medio do que serán transferidos 32.159 euros da partida inicialmente prevista para investimentos en terreos a outras áreas de gastos co obxectivo de financiar estudos e traballos técnicos na área de deportes (redacción do proxecto de construción do campo de fútbol de Caión) e de poñer en marcha unha nova aplicación informática relacionada co comercio e o fomento do emprego.   

A modificación nas bases de execución do orzamento autorizada permitirá conceder unha subvención nominativa á Comisión de Festas de Lendo como achega municipal para o desenvolvemento das celebracións parroquiais durante a fin de semana do 3 e 4 de xuño.   

Aprobouse (votos a favor do PSOE e abstencións de BNG e TeGa) o plan económico-financeiro que reflicte que o Concello da Laracha, cos seus presupostos do ano 2016 (aprobados no pasado mes de decembro), cumpre inicialmente a regra de gasto, o obxectivo de estabilidade orzamentaria e o nivel de débeda, e establece as medidas a tomar para continuar cumprindo co estipulado na Lei de Estabilidad Presupuestaria y Sostenibilidad Financiera ata 2017.   

Tamén se deu conta do informe de intervención sobre o período medio de pagamento no primeiro trimestre do ano, no que se reflicte que se están a pagar as facturas a provedores nunha media de 12,93 días.   Por outra banda, aprobouse a modificación dos estatutos da Asociación de Turismo da Costa da Morte (CMAT) proposta pola directiva da propia entidade (coa única abstención do concelleiro de Terra Galega). No caso dos estatutos do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), o cambio ten por finalidade adaptalos ao requirido polas bases do novo programa LEADER Galicia 2014-2020, que abarcaría aos 17 municipios que forman parte do territorio da Costa da Morte. Tralo acordo unánime alcanzado, o Concello da Laracha adhírese como asociado ao GDR Costa da Morte e o alcalde será o seu representante.   

Salientar, por último, que foi convocada unha nova sesión plenaria para o luns día 30 de maio ás 13:30 horas para realizar o sorteo das mesas electorais para os comicios do 26 de xuño.

Compartir: