• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A totalidade dos terreos que albergan o Castro de Montes Claros xa son de titularidade municipal

28/12/2019

O Concello da Laracha segue dando pasos firmes no seu compromiso por recuperar o patrimonio arqueolóxico municipal. Así, vén de completarse o procedemento de expropiación da totalidade das parcelas que albergan o Castro de Montes Claros tras proceder ao pagamento de 46.805,16 euros aos propietarios de seis fincas que suman unha superficie total de 29.917,01 m2. 

Previamente o Concello xa adquirira por mutuo acordo cos anteriores donos os outros 13.362,96 m2, investíndose unha cifra próxima aos 20.000 euros. Ese sector, de titularidade pública desde hai dous anos, xa foi obxecto dunha serie de intervencións dirixidas a poñelo en valor. Por tanto, entre as dúas fases da compra foron investidos uns 67.000 euros para comprar os 43.279,97 m2 de superficie que albergan o xacemento.

O castro de Montes Claros sitúase entre as parroquias de Vilaño e Cabovilaño a unha altitude de 216 metros. Constitúe o principal sitio arqueolóxico do municipio polo seu  tamaño, visibilidade e monumentalidade.

A compra destes terreos faise despois da aprobación do Plan Especial de Patrimonio Cultural promovido polo executivo local e que tivo por finalidade ofrecer a máxima protección aos máis destacados bens de carácter histórico-artístico do termo municipal, que naquel momentos se atopaban na súa totalidade en terreos de titularidade privada.

Despois de completarse a compra do Castro de Montes Claros, o seguinte elemento que ten previsto adquirir o Concello da Laracha é o menhir de Erboedo, estando consignada unha partida nos orzamentos de 2020 para tal fin. Situado no Monte Santa Leocadia, moi preto do límite co termo municipal de Arteixo, tamén é coñecido como pedra fita Marco da Anta ou Pedra do Ghicho. Trátase dunha singular peza de granito que alcanza os dous metros de altura e está datada no neolítico (idade de bronce).