• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello autoriza ao Grupo HL Energía a creación de tres puntos de recarga de vehículos eléctricos

21/12/2019

O Concello da Laracha vén de resolver a concesión da licenza ao Grupo HL Energía para a instalación de tres puntos de recarga públicos para vehículos eléctricos que serán habilitados no casco urbano da Laracha (praza Olonne sur Mer, xunto ao IES Agra de Leborís), o campo da feira de Paiosaco (a carón da Avenida Bergantiños) e o polígono industrial (fronte o viveiro de empresas).

As estacións serán postes de recarga exterior de 22 quilovatios (kW) desmontables e deseñados para resistir as condicións ambientais. Cada un deles disporá de dous conectores, polo que poderá darse servizo simultaneamente a seis vehículos entre as tres localizacións. 

Para o caso dos espazos de aparcamento correspondentes ao punto de recarga situados xunto ao recinto feiral de Paiosaco, establécese a obriga de deixalos libres durante as xornadas de feira (primeiro e terceir domingos de cada mes), sendo o Grupo HL Energía o responsable de tomar as medidas necesarias.

A creación destes puntos de recarga de vehículos eléctricos promóvese coa finalidade de impulsar e fomentar o uso de enerxías limpas no sector do transporte, favorecer a redución de emisións de carbono e gases de efecto invernadoiro e, por tanto, mellorar a calidade do aire e reducir a contaminación acústica.