Concello
Aprobados por unanimidade os dous puntos da orde do día do Pleno
13/12/2019
No Pleno ordinario celebrado hoxe foron aprobados por unanimidade dos tres grupos da Corporación municipal os dous asuntos promovidos polo goberno local.
Un deles foi o destino dos fondos do programa provincial POS+2020. O Concello da Laracha percibirá un total de 683.169,14 euros divididos en tres achegas diferentes: 76.711,81 euros corresponden á execución de obras, 289.478,36 euros son a parte relativa ao préstamo provincial para o financiamento de proxecto de mellora das infraestruturas públicas municipais e, por último, 316.978,97 euros destinaranse a gasto corrente. Ademais, aprobáronse outros dos proxectos por un importe conxunto de 349.813,96 que corresponden ao plan complementario.
En concreto, os proxectos que se executarán con cargo á achega para a execución de obras e o préstamo provincial consisten na mellora da rede viaria municipal nos seguintes lugares:
- Parroquia de Cabovilaño: estrada O Chamusco-Arén e núcleos de Nogán, As Ribas, A Teixoeira e Cardois.
- Parroquia de Coiro: núcleos de O Pereiro e Longra.
- Parroquia de Lendo: accesos a Lista e Os Abelares.
- Parroquia de Soandres: accesos a O Toural, núcleo de A Bocixa e camiños municipais en O Campo de Medado.
- Parroquia de Montemaior: núcleos de A Ribeiriña, A Cerceira, Cumiáns e A Fieira.
- Parroquia de Vilaño: estrada en Vilaño Vello.
- Parroquia de Caión: mellora da estrada e da rede de saneamento en Xermaña.
- Parroquia de Erboedo: núcleos de O Vilar e Vilarmaior.
- Parroquia de Lestón: núcleo de A Porta Santa.
Ademais, o Plan complementario inclúe actuacións no núcleo urbano da Laracha (rúas Río Anllóns, Río Bradoso e Eusebio Bértoa), nas parroquias de Cabovilaño (núcleo de A Casanova, accesos a Oldán e estrada O Castro-A Lagarteira), Coiro (núcleos de A Ferraría, A Riba, A Ferrulleira, A Fontefría e Fornos) e Soandres (núcleo de Compañeir), e nas estradas Vista Alegre-Samiro (Vilaño), Requesende-A Ferrulleira (Golmar e Coiro) e O Ramallal-A Piña (Golmar e Vilaño).
O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que hai unha “baixada importante, duns 316.000 euros” con respecto aos ingresos do ano pasado con cargo ao mesmo programa, pero adiantou que a previsión da Deputación da Coruña é equiparalos unha vez poidan incorporarse os remanentes.
O outro asunto aprobado por unanimidade foi a modificación puntual da relación de postos de traballo (RPT) promovida coa finalidade adecuar a nova estrutura dos servizos económicos do Concello á existencia de dous postos de habilitados nacionais nese departamento. Implica a amortización por duplicidade de funcións dun posto vacante na RPT (técnico de intervención) e a creación de dous novos postos: o de tesoureiro (funcionario de Administración Local con habilitación de carácter nacional) e o de auxiliar administrativo.
Este acordo será publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e estará en exposición pública por un período de vinte días.