• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O XOVES, XORNADA INFORMATIVA SOBRE A NOVA CONVOCATORIA DE AXUDAS DO FONDO EUROPEO MARÍTIMO E DE PESCA

31/05/2016

A Casa da Cultura da Laracha acollerá este xoves (2 de xuño) a partir das 20:30 horas unha sesión informativa sobre a nova convocatoria de axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020 que será impartida por representantes do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Costa da Morte.   

Este programa de axudas a fondo perdido está dotado con case cinco millóns e medio de euros, que se destinarán a proxectos produtivos e non produtivos coa finalidade de cofinanciar actuacións dirixidas ao desenvolvemento sostible das zonas costeiras.   

O plan consta de tres liñas estratéxicas con diferentes obxectivos. A primeira delas inclúe proxectos para o fomento e diversificación produtiva da pesca artesanal. A segunda refírese á competitividade sostible das actividades relacionadas co mar. Á terceira poden acollerse entidades que desenvolvan actuacións dirixidas á capacitación e ampliación das competencias dos sectores económicos e sociais relacionados co GALP da Costa da Morte.  

O público obxectivo da sesión informativa que se desenvolverá o xoves na Laracha é a xente do mar, empresas transformadoras de produtos pesqueiros, hostaleiros, sectores auxiliares á pesca, empresarios, entidades de actividades náuticas ou relacionas co mar, asociacións do sector pesqueiro, redeiras, etc.   

A entrada para participar na xornada é libre e gratuíta.

Compartir: