• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concurso

O Concello convoca as novas edicións dos concursos de panxoliñas, escaparates, postais e contos de Nadal

05/12/2019

O Concello da Laracha está a ultimar o contido do programa de eventos e actividades de Nadal, que contará con propostas para todos os públicos desde finais de ano e ata a Cabalgata dos Reis Magos do 5 de xaneiro, coincidindo coas vacacións nos centros de ensino. Como vén sendo habitual nos últimos anos, no marco deste programa haberá catro tradicionais concursos: os de contos e postais, o de panxoliñas e o de escaparates.

O concurso de escaparates alcanza a súa 24ª edición. O Concello convida a participar a todos os comercios do termo municipal da Laracha que dispoñan de escaparate exterior. Os locais que se inscriban –teñen de prazo ata o 18 de decembro- deben estar decorados con motivos propios desas datas ata o 6 de xaneiro. 

Neste ano haberá unha novidade. Por unha parte, celebrarase o tradicional concurso coa habitual valoración do xurado, que outorgará cinco premios dotados en total con 800 euros (contías de 300, 200, 150, 100 e 50 euros respectivamente). Por outro lado, haberá un segundo concurso na páxina de Facebook do Concello (https://www.facebook.com/ConcelloALaracha/). O 26 de decembro publicarase o álbum de fotos cunha imaxe de cada establecemento participante. As dúas que teñan máis “gústame” ás 14:00 horas do día 30 de decembro, resultarán as gañadoras dos premios (100 e 50 euros respectivamente). Os galardoados en ambos concursos serán anunciados o propio día 30 de decembro pola tarde.

O certame de panxoliñas María Angeriz Tuset terá lugar o domingo 29 de decembro a partir das 18:00 horas na Casa da Cultura da Laracha. Poderán participar todas as asociacións culturais, coros parroquiais e grupos do municipio que o desexen. Están establecidas catro categorías de premios dotadas con 300, 250, 200 e 175 euros respectivamente. Todos os participantes teñen garantido o premio da cuarta categoría, xa que un dos propósitos esenciais deste evento é subvencionar a actividade que desenvolven as entidades participantes.

Por último, lembrar que os concursos de postais e de contos van dirixidos ao alumnado dos colexios Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión, así como da escola de educación infantil de Cumiáns, en Montemaior. O certame de conto é para estudantes do terceiro ciclo (quinto e sexto) de primaria. No de postais participan alumnos de infantil e dos dous primeiros ciclos de primaria, estando establecidas categorías de premios diferenciadas por grupos de idade.

En ambos casos a valoración realizarase o xoves 14 de decembro a partir das 11:00 horas na biblioteca municipal da Laracha, estando composto o xurado por membros da concellería de Cultura da Laracha, un técnico dos servizos sociais municipais e un representante de cada colexio. Os gañadores recibirán os seus agasallos, compostos por xogos e material educativo, o sábado 21 de decembro nun acto que se desenvolverá na Casa da Cultura da Laracha a partir das 12:00 horas.