• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O museo de Golmar acollera o ciclo de documentais en galego "Cinema e memoria"

27/11/2019

O Concello da Laracha, coa colaboración do Museo do Pobo Galego, pon en marcha o ciclo Cinema e memoria. Consta de tres documentais históricos en galego que serán proxectados no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar. Van dirixidos  todos os públicos –especialmente, o xuvenil e adulto-, en todos os casos será a partir das 18:00 horas e a entrada será libre e gratuíta.

A primeira das proxeccións será este sábado -30 de novembro- co documental A memoria nos tempos do volfram. Este filme dirixido por Alberto Caeiro explica o importante papel que xogou Galicia ao comezo da Segunda Guerra Mundial como produtora dese mineral que era necesario para o estado alemán e que foi a solución para moitas persoas que procuraban diñeiro fácil ou simplemente un traballo naqueles duros anos da posguerra española. Mineiros, aventureiros, guerrilleiros, gardas civís e presos políticos conviviron nos montes galegos e entrecruzaron as súas vidas. O documental presenta esa historia contada polos propios protagonistas.

O 14 de decembro será a quenda para Mulleres da Raia. Unha viaxe ás fronteiras do norte de Portugal e Galicia transpórtanos ao noso pasado máis recente. O contrabando local e a emigración clandestina eran prácticas habituais nestas terras, aproveitando a proximidade do país veciño. A Raia, como popularmente é coñecida a fronteira, garda unha historia de loita diaria pola supervivencia e as súas mulleres son testemuñas e protagonistas. O documental está dirixido por Adrianan Gonçalves.

O ciclo pecharase o 21 de decembro con A Galicia rural dos anos 30, unha selección de filmes con vídeos orixinais que mostran a forma de vivir e traballar no campo galego naquela época.

Descarga: Cartel