• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Laracha participará a próxima semana en Italia nun programa europeo sobre igualdade de oportunidades e migracións de xénero

23/11/2019

Baixo o título Un enfoque de abaixo cara arriba para a igualdade de oportunidades e a migración de xénero, durante a próxima semana –do 25 ao 30 de novembro- celebrarase na localidade italiana de Castelmola (Sicilia) un programa europeo centrado na promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e as migracións.

Forman parte do proxecto cinco institucións e agrupacións de diversos perfís procedentes doutros tantos países europeos (España, Italia, Letonia, Hungría e Eslovaquia). O Concello da Laracha estará representado por concelleiros dos tres grupos políticos da Corporación municipal.

O programa de actos principiará o luns co recibimento a todos os participantes. Durante a semana realizaranse ponencias, reunións de traballo, mesas redondas, conferencias de prensa e diversidade de actos para afondar nas relacións entre os propios socios do proxecto e coñecer as súas características, inquedanzas e propósitos para favorecer o futuro desenvolvemento de iniciativas conxuntas sobre a temática do proxecto. O acto central será na tarde do mércores coa sinatura do pacto de irmandamento entre os participantes.

O Concello da Laracha forma parte deste programa co obxectivo de captar ideas, coñecer diferentes políticas e iniciativas que se desenvolven en diferentes países europeos e establecer relacións cos socios participantes e, así, continuar aproveitando as oportunidades que ofrece a Unión Europea a través dos seus programas para potenciar a participación cívica e fomentar as relacións entre cidadáns de diferentes países do ámbito continental.