• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Elévase a definitiva a aprobación do expediente de expropiación dos terreos do castro de Montes Claros que aínda non son de titularidade pública

22/11/2019

Na Xunta de Goberno local celebrada hoxe acordouse elevar a definitiva a aprobación do expediente de expropiación dos terreos que albergan o castro de Montes Claros e que aínda non son de titularidade pública.

O Concello da Laracha xa adquirira por mutuo acordo cos seus propietarios unha superficie de 13.362,96 metros cadrados, investíndose unha cifra próxima aos 20.000 euros. Ese sector foi obxecto dunha serie de intervencións nos dous últimos anos dirixidas a poñer en valor o xacemento. 

Agora o Concello da Laracha avanza nos trámites necesarios para a compra do resto das parcelas nas que se sitúa o castro e que son de titularidade privada. Trátase dunha superficie total de 29.917,01 metros cadrados divididos en seis fincas, ascendendo o valor total do expediente de expropiación aos 46.805,16 euros. Ditos terreos están cualificados no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como solo rústico de protección integral do patrimonio, contando por tanto coa máxima protección por tratarse de bens de carácter histórico-artístico.

O castro de Montes Claros sitúase entre as parroquias de Vilaño e Cabovilaño a unha altitude de 216 metros. Constitúe o principal sitio arqueolóxico do municipio polo seu  tamaño, visibilidade e monumentalidade.