• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O “Obradoiro de emprego A Laracha V” formará a 20 alumnos traballadores durante os próximos nove meses

18/11/2019

Xa está en marcha o Obradoiro de Emprego A Laracha V, o quinto programa dual de formación e emprego que organiza en solitario o Concello co apoio económico da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, déronlle hoxe a benvida aos vinte alumnos traballadores –todos eles veciños do termo municipal da Laracha- que forman parte deste programa, dos cales dez están adscritos á especialidade de carpintería de madeira e outros dez, á de pintura industrial. Ao cargo do obradoiro está o equipo directivo, formativo e administrativo composto por cinco persoas: director, mestre de cada unha das dúas especialidades, mestre de ensino básico e auxiliar administrativo.

Durante os próximos nove meses os alumnos traballadores, ademais de acceder a unha remuneración económica, serán formados na súa especialidade correspondente, realizarán actuacións de interese comunitario en infraestruturas públicas e, ao rematar o obradoiro, recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa formación, cualificación e competencia para o exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral xa no sector privado.

As actuacións principais que teñen encomendadas a especialidade de carpintería de madeira son a renovación do paseo fluvial do río Anllóns entre Gabenlle e a ponte do Formigueiro e a mellora da carpintería exterior e interior das instalacións do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha. A especialidade de pintura industrial actuará na Casa do Concello, no edificio administrativo, na Casa da Cultura, no centro sociocultural de Paiosaco, nas pistas polideportivas de Cabovilaño e de Cumiáns (Montemaior) e na mellora dos báculos da iluminación pública nas rúas do municipio.

José Manuel López Varela felicitou aos participantes por ter superado o proceso de selección para formar parte deste obradoiro de emprego, que considera “a mellor das iniciativas que se poden poñer en marcha desde as administracións”. O rexedor municipal apuntou que “se algo nos preocupa é a xente que non ten traballo e apostamos pola formación como unha cuestión fundamental para reducir o número de desempregados”. Por iso animou aos alumnos traballadores a “aproveitar ao máximo a oportunidade que agora se lles presenta”, lembrando “os bos datos de inserción laboral logrados en anteriores obradoiros de emprego”.

O alcalde tamén agradeceu o compromiso da Xunta de Galicia coa Laracha, xa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria achega 336.000 euros que corresponden aos gastos do persoal e alumnado do obradoiro. O Concello financiará con fondos municipais a parte correspondente ás obras, que superará o medio millón de euros. O orzamento total ascende a 863.000 euros.

En ambas especialidades a formación teórica impartirase nas instalacións do edificio administrativo da Laracha. A fase práctica, ademais de nos propios lugares de actuación dos traballos previstos, realizarase nas naves do edificio municipal existente no parque empresarial.