A XUNTA DE GOBERNO ADXUDICA AS AXUDAS MUNICIPAIS Á ESCOLARIZACIÓN
30/11/2015
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha acordou na sesión ordinaria do 27 de novembro adxudicar as axudas municipais á escolarización aceptando a proposta da Comisión de Valoración, que durante as últimas semanas analizou e avaliou a totalidade das máis de setecentas solicitudes presentadas.
O Concello da Laracha destina a esta convocatoria 55.000 euros, partida contemplada nos orzamentos municipais. A dotación económica das becas para os alumnos de educación infantil será de 125 euros cada unha, 100 euros para os de educación primaria, secundaria obrigatoria e programas de garantía social, 180 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior e 300 euros tanto para os que cursen estudos universitarios como para aqueles alumnos que requiran de necesidades educativas especiais.
O Concello da Laracha comunicará nos próximos días este acordo da Xunta de Goberno Local a todas as persoas beneficiaras, informándolles tamén da documentación que deberán achegar para xustificar a subvención municipal.
Cabe lembrar que as axudas municipais á escolarización son compatibles coas bolsas doutras administracións e foron dirixidas a estudantes de calquera curso ou ciclo que estivesen empadroados no municipio.
A finalidade esencial da convocatoria de bolsas de estudos municipais é a concesión de axudas económicas ás familias ou directamente aos alumnos maiores de idade para atender os gastos orixinados polo comezo do curso escolar (material didáctico complementario, vestiario e outros gastos directamente relacionados con el), facilitando, deste xeito, o proceso de formación como un elemento fundamental para o desenvolvemento persoal dos veciños da Laracha.
Licencias urbanísticas
Na sesión tamén foron concedidas catro licencias urbanísticas maiores.