APROBADO POR UNANIMIDADE O CONVENIO CON AUGAS DE GALICIA PARA A AMPLIACIÓN E MELLORA DA EDAR DE O FORMIGUEIRO
24/05/2016
Os catro grupos políticos con representación na Corporación municipal da Laracha acordaron, na sesión extraordinaria do Pleno celebrada o 20 de maio, aprobar por unanimidade a proposta do goberno local de prestar conformidade ao convenio de colaboración co organismo Augas de Galicia para ampliar as instalacións e mellorar o tratamento na estación depuradora de augas residuais (EDAR) de O Formigueiro. A Xunta de Galicia investirá case dous millóns de euros nesta ampla actuación na que é a principal EDAR do Concello da Laracha.
O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que o motivo da convocatoria deste Pleno con carácter de urxencia (a próxima semana celebrarase a sesión ordinaria correspondente ao mes de maio) foi a necesidade de remitir o antes posible a documentación a Augas de Galicia para que “poida iniciar canto antes o procedemento de contratación”. O rexedor municipal referiuse á actuación como “un proxecto completo que permitirá á depuradora ter capacidade e un ofrecer un bo servizo para moito tempo ante o aumento poboacional que se está a rexistrar”.
Por último, López Varela lembrou as accións realizadas polo Concello da Laracha nos últimos anos e que permiten agora o desenvolvemento do proxecto: aprobación do Plan especial do sistema xeral de infraestruturas de servizos (SXIS) de saneamento e abastecemento de auga, expropiación dos terreos afectados pola ampliación da EDAR (8.709 metros cadrados de superficie, investíndose 34.000 euros na súa adquisición) e “numerosas xestións coa Xunta de Galicia e Augas de Galicia para conseguir esta necesaria actuación”.