Concello
Regresan os “Venres Teatrais” da Laracha como referencia da programación cultural municipal do outono
02/11/2019
Ao longo deste mes de novembro desenvolverase na Laracha o ciclo Venres Teatrais, toda unha referencia na programación cultural municipal do outono que se organiza co obxectivo de achegar á veciñanza espectáculos teatrais de alta calidade. O ciclo consta de catro funcións e inclúe obras de referencia no actual panorama teatral galego.
Neste programa haberá comedia, suspense e tamén espazo para a concienciación social cunha obra que se incluirá no marco do programa municipal de actividades en torno á conmemoración do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres
Os Venres Teatrais abriranse o 8 de novembro con Raclette, coa que se pon en escena unha historia que trata temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza, a culpa e a violencia. Está escrita e dirixida por Santiago Cortegoso e interpretada por Toni Salgado, Deborah Vukusic, Marián Bañobre, Iria Sobrado e Salvador del Río.
O 16 de novembro será a quenda para Producións Excéntricas, que trae á Laracha Carpe Diem, a adaptación dun dos máis excitantes contos do escritor portugués Rubem Fonseca. A peza está dirixida por Quico Cadaval e conta cun elenco de luxo, formado por María Costas, Marcos Vieitez, Víctor Mosqueira e Mon Orencio.
A compañía Contraproducións representará o 22 de novembro A compañeira de piso, dirixida por Belén Pichel e Cándido Pazó e que poñen en escena as actrices Patricia Vázquez e Rebeca Montero. A peza teatral, unha adaptación do texto orixinal de Jen Silverman, combina sutileza e comicidade a partes iguais tratando dun xeito fresco e divertido os temas da idade, a muller e a identidade.
O ciclo pecharase o 29 de novembro co Loló e Mamá, da compañía De Ste Xeito Producións. Trátase dunha comedia que aborda as relacións familiares cun humor fino e acedo. Pola súa temática, a peza tamén se inclúe no programa de actividades e actos municipais en torno ao Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, que se celebra o 25 de novembro.
Todos os espectáculos son recomendados para persoas maiores de trece anos de idade e poranse en escena na Casa da Cultura da Laracha a partir das 21:00 horas, con entrada libre e gratuíta.