• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A segunda edición de “Paiosaco sabe a tapas” celebrarase do 8 ao 10 de novembro

31/10/2019

A segunda edición de Paiosaco sabe a tapas celebrarase na próxima fin de semana, do venres 8 ao domingo 10 de novembro, coincidindo co San Martiño, o patrón da parroquia de Lestón. Farase baixo a organización do Concello da Laracha.

Os 7 establecementos que participan na ruta de tapas serán Bar Parrillada O Fogón da Pía, Cervecería Norte, Café Bar A Eira, Café Bar Lestón, Cervecería O Cepo, Cafetería Cervecería Suiza e Cafetería Trevi. Todos eles están situados na propia vila de Paiosaco ou en lugares próximos da parroquia de Lestón.

Neses sete locais ofreceranse ao público as tapas ao prezo de 1,5 euros o venres (de 19 a 24 h) o sábado (de 12 a 15 e de 19 a 24 h) e o domingo (de 12 a 15 h).

Para amenizar as xornadas, haberá ruadas a cargo da Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco e un Tren turístico o venres de 19.00 a 22.00h, o sábado de 11.30 a 15.00h e de 18.30 a 22.00h e o domingo de 11.30 a 15.00h. Ademais, os consumidores que degusten as tapas participarán no sorteo de agasallos doados por empresas colaboradoras.

Ademais de supoñer un impulso para o sector hostaleiro da vila, coa organización de ‘Paiosaco sabe a tapas’ o Concello da Laracha tamén pretende ofrecer a posibilidade aos establecementos de darse a coñecer a veciños, visitantes e turistas e mostrar as elaboracións de calidade que ofrecen ao público en xeral durante todo o ano.