• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello festexará o Samaín cunha xornada de actividades infantís no museo de Golmar

19/10/2019

O Concello da Laracha ten preparada unha xornada de actividades infantís a desenvolver durante toda a xornada do xoves 31 de outubro no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte para festexar o Samaín.

Desde as 10:30 e ata as 13:30, aproveitando o día festivo nos centros de ensino, realizaranse obradoiros cunha temática relacionada co Samaín. Os rapaces de 3 a 12 anos de idade que participen aprenderán a decorar cabazas e a elaborar elementos decorativos con materiais reciclados. Nestes obradoiros as prazas son limitadas e requírese dunha inscrición previa no Concello, que é gratuíta.

Pola tarde, a partir das 18:00 horas, haberá contacontos teatralizado co espectáculo A cabaza encantada a cargo da compañía Teatro Calavera. A asistencia é libre e gratuíta.

O Concello da Laracha organiza este programa coa finalidade de ofrecer unha alternativa divertida e educativa aos nenos ao mesmo tempo que favorecerá a conciliación persoal, laboral e familiar dos seus pais.