• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O exercicio económico 2018 péchase cun orzamento de máis de 12 millóns de euros

19/10/2019

O peche do exercicio económico 2018 volve poñer de manifesto a saneada situación económico-financeira que presenta o Concello da Laracha. Esa é a conclusión do informe emitido polo departamento de intervención, do que se dará conta á Corporación municipal na próxima sesión plenaria.

Como magnitudes máis significativas, o orzamento definitivo de gastos e ingresos elévase ata os 12.088.352,95 euros, o que supón un incremento próximo ao dezasete por cento con respecto ás previsións iniciais. Esta circunstancia reflicte a prudencia do goberno local no momento de deseñar os presupostos. Ademais, o remanente líquido de tesourería para gastos xerais sitúase en 2.708.043,39 euros.

Os servizos económicos municipais destacan nos informes o alto nivel de execución orzamentaria, alcanzando o 99,92 % no referido ao abono das obrigas recoñecidas, dato que debe analizarse conxuntamente co estrito cumprimento da lei contra a morosidade nas operacións comerciais, xa que en todos os trimestres foron respectados os prazos legalmente establecidos para o pagamento das facturas.

A porcentaxe de execución do gasto foi do 72,20% para situarse nos 8.728.188,46 euros. Neste capítulo destacan fundamentalmente cinco aspectos: o esforzo na mellora das infraestruturas de titularidade municipal, a cobertura en servizos sociais, os programas de promoción do emprego, o apoio ao asociacionismo e a colaboración cos estudantes e as súas familias.

Así, 2.312.160,42 euros (o 26,50% das obrigas recoñecidas) tiveron por destino o financiamento de investimentos reais en infraestruturas públicas. As actuacións máis importantes centráronse na mellora da rede viaria municipal, humanización de rúas no núcleo urbano da Laracha, accesos ao parque empresarial, plan de renovación dos parques infantís e, entre outras, a construción do edificio municipal no polígono industrial que se destinará a albergar o centro de emerxencias.

A cobertura en servizos sociais (1.114.926,83 euros) e os programas de fomento do emprego (317.972,68 euros) supuxeron máis do dezaseis por cento do total de gastos. Deste xeito móstrase a aposta decidida do goberno local polo benestar da cidadanía, en especial dos colectivos máis desfavorecidos, e tamén pola mellora da empregabilidade dos veciños e a creación directa de postos de traballo.

Ademais, saliéntase a blindaxe da colaboración económica coas entidades culturais e educativas, clubs deportivos e deportistas individuais (121.500 euros), así como das bolsas de estudos municipais (55.000 euros).

Para o financiamento deste importante volume de gasto, o Concello da Laracha empregou durante o exercicio económico 2018 parte do remanente líquido de tesourería para gastos xerais resultante da liquidación orzamentaria da anterior anualidade. Acudir ao aforro xerado en 2017 para destinalo a actuacións de investimento en infraestruturas e programas que melloraron a calidade de vida da veciñanza implicou exceder o límite de gasto, xa que a variación con respecto ao ano anterior superou a taxa de referencia do crecemento do PIB determinado polo Ministerio de Economía. Por este motivo, e en cumprimento da normativa orzamentaria, elaborarase un plan económico financeiro que non precisará de medidas e que reconducirá formalmente a situación de cara ao próximo exercicio.

O balance da liquidación do exercicio económico 2018 avala as políticas municipais desenvolvidas tanto no último ano como nos anteriores, baseadas na xestión responsable dos recursos dispoñibles para manter a excelente cobertura en infraestruturas, instalacións e programas que se prestan desde o Concello da Laracha, sen acudir ao endebedamento ou á enaxenación de bens e conxelando os tributos e taxas municipais.