• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello mellora o pavimento da pista polideportiva da urbanización Monte Claro

11/10/2019

O Concello da Laracha está a desenvolver un plan dirixido a mellorar as pistas polideportivas descubertas de titularidade municipal que están a disposición da veciñanza para un uso libre das mesmas.

Nestes días estase realizando unha actuación na pista situada na urbanización Monte Claro da parroquia de Cabovilaño. Na zona de xogo desta infraestrutura deportiva unha empresa especializada está a aplicar resina sintética con microáridos coa finalidade de mellorar a adherencia en situacións de humidade. Deste xeito facilitarase o emprego da pista durante o inverno e mesmo en xornadas de choiva.

Esta é a primeira das intervencións que ten proxectadas o Concello. Ademais, no Obradoiro de emprego A Laracha V que se desenvolverá en próximas datas está previsto que a especialidade de pintura industrial actúe na mellora das pistas polideportivas de O Vilar (Cabovilaño) e Cumiáns (Montemaior).

Cabe lembrar, tamén, que o Concello está a crear dúas novas pistas polideportivas descubertas no casco urbano da Laracha, en concreto na parte posterior do IES Agra de Leborís.