• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O acordo entre o Concello e o Grupo HL Energía posibilitará a implantación de tres puntos de recarga de vehículos eléctricos

12/10/2019

O Concello da Laracha contará con tres estacións de recarga de vehículos eléctricos despois do acordo adoptado polo alcalde, José Manuel López Varela, e o edil de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, co Grupo HL Energía na xuntanza mantida coa directora da empresa eléctrica –Eva Martínez Cestafe-, o director técnico –Juan Arijón- e o adxunto á dirección técnica –Roberto Díaz-.

Os lugares nos que se instalarán os novos equipamentos son puntos estratéxicos ao situarse no casco urbano da Laracha (praza Olonne sur Mer, xunto ao IES Agra de Leborís), o campo da feira de Paiosaco (a carón da Avenida Bergantiños) e o polígono industrial (fronte o viveiro de empresas).

As estacións serán postes de recarga exterior de 22 quilovatios (kW) deseñados para resistir as condicións ambientais. Cada un deles disporá de dous conectores, polo que poderá darse servizo simultaneamente a seis vehículos entre as tres localizacións.

Así, o Concello da Laracha e o Grupo HL Energía actúan para dar resposta á realidade actual na que cada vez máis veciños e visitantes optan polo emprego de vehículos híbridos ou eléctricos, ao mesmo tempo que reforzan a súa aposta polo emprego das enerxía limpas, a redución de emisións de carbono á atmosfera e a diminución da contaminación acústica.