BO RITMO DE ACTUACIÓN NAS OBRAS DE MELLORA DA ESTRADA O AREAL-MASEO
07/12/2015
O Concello da Laracha está a executar o proxecto que ten por finalidade mellorar as condicións e a seguridade da estrada O Areal-Maseo –zona limítrofe con Arteixo-, que comunica a vila de Paiosaco –desde a estrada AC-552 e a través das parroquias de Lestón, Coiro, Erboedo e Soandres- coa AC-523 e, por tanto, tamén coa terceira rolda de acceso á Coruña e a Alvedro. Trátase dunha vía de titularidade municipal que está a incrementar o volume de tráfico polas excelentes conexións que ofrecen desde a recente apertura das novas estradas de entrada á cidade herculina e ao aeroporto.
A lonxitude de vía afectada polo proxecto alcanza os 1.580 metros lineais e unha anchura media de oito metros. Tras realizarse as actuacións de saneado e rasanteado de toda a superficie da estrada, acometéronse as labores dirixidas á nova pavimentación coa calidade e durabilidade que ofrece o aglomerado asfáltico en quente. Ademais, o proxecto contempla actuacións nas cunetas para mellorar a rede de drenaxe de augas pluviais. Os traballos completaranse coa sinalización vertical e horizontal.
José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, e Jesús Souto, edil responsable da área de obras públicas, acudiron ao lugar de A Medoña para coñecer in situ o desenvolvemento das primeiras actuacións de aplicación do aglomerado, obras nas que o Concello investirá preto de 130.000 euros a financiar integramente con fondos propios municipais.
Estrada de A Fontenla
Paralelamente, o Concello da Laracha está a desenvolver outra actuación noutro tramo da mesma estrada, neste caso á altura do núcleo de A Fontenla (Erboedo). O proxecto ten un orzamento de 75.000 euros e afecta a unha distancia de 850 metros de lonxitude, onde se están a realizar sobreanchos, nova pavimentación e melloras na sinalización.
No próximo exercicio o goberno local ten previsto acometer proxectos de similares características noutros dos tramos desta mesma vía.