Concello
O concello desenvolverá un novo obradoiro de emprego coa colaboración da Xunta de Galicia
05/10/2019
O Concello da Laracha continúa actuando no desenvolvemento de políticas activas de emprego e ofrecendo á veciñanza oportunidades para mellorar a súa empregabilidade e formarse en sectores con demanda de traballadores cualificados.
Unha das novas iniciativas que se porá en marcha en próximas datas será o Obradoiro de Emprego A Laracha V, o quinto programa dual de formación e emprego que organizará en solitario o Concello co apoio económico da Xunta de Galicia.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de comunicar ao Concello a resolución pola que se concede o programa ao abeiro da convocatoria de axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 88, do 9 de maio de 2019). En próximas datas o Concello da Laracha enviará a correspondente oferta de emprego público ao Servizo Público de Emprego de Galicia que, unha vez realizadas as pertinentes sondaxes, procederá a citar mediante carta aos posibles aspirantes, indicando a documentación que deberán presentar, así como o lugar e data de presentación para realizar a entrevista. Por tanto, as persoas que desexen formar parte do proceso de selección dos alumnos-traballadores deben estar empadroadas no termo municipal da Laracha, atoparse en idade laboral e estar inscritas na súa oficina de emprego de referencia como demandantes de emprego e, ademais, como interesadas en participar en programas formativos como este obradoiro.
O Obradoiro de Emprego A Laracha V terá unha duración de nove meses e constará de dúas especialidades con dez alumnos-traballadores en cada unha delas. Ademais, o equipo directivo, formativo e administrativo estará composto por un director, un mestre para cada unha das dúas especialidades, un mestre de ensino básico e un auxiliar administrativo. Por tanto, en total serán contratadas un total de 25 persoas.
Unha das especialidades será a de carpintería de madeira e os seus cometidos durante a fase práctica serán a renovación do paseo fluvial do río Anllóns e a mellora da carpintería exterior e interior das instalacións do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha.
A outra especialidade será a de pintura industrial, estando previstos como puntos de actuación a Casa do Concello, o edificio administrativo, a Casa da Cultura, o centro sociocultural de Paiosaco, as pistas polideportivas de Cabovilaño e de Cumiáns (Montemaior) e a mellora dos báculos da iluminación pública nas rúas do municipio.
Os alumnos traballadores, ademais de acceder a unha remuneración económica durante os nove meses e realizar actuacións de interese xeral para a veciñanza do termo municipal da Laracha, ao completar a especialidade correspondente recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa formación, cualificación e competencia para o exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral xa no sector privado.