Concello
O Concello avanza na construción dunha das pistas polideportivas xunto ao IES Agra de Leborís
05/10/2019
O Concello da Laracha continúa desenvolvendo os proxectos contemplados no Plan especial de equipamentos educativos que se está a acometer no entorno do IES Agra de Leborís e que implican a construción de novas infraestruturas deportivas públicas e a mellora das comunicacións rodadas na zona.
O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, acudiron ao lugar no que se están a realizar os traballos para comprobar que a construción dunha das pistas polideportivas está practicamente rematada. As obras estanse a completar cos accesos cara a nova infraestrutura.
Cabe lembrar que xunto a esta pista está proxectado crear outra de dimensións regulamentarias para dispoñer de dúas pistas polideportivas de diferentes tipoloxías que serán complementarias entre si ao estar equipadas para adaptar o seu uso aos diferentes grupos de idade.
Tal e como explicara recentemente o alcalde, ambas infraestruturas deportivas non estarán vinculadas ao instituto porque están ao seu carón pero por fora, pero si que poderían programarse nelas actividades desde o centro de ensino durante o horario lectivo.
Ademais, o outro dos proxectos que previsto nesta zona é a apertura dunha nova estrada que comunicará a Avenida Manuel Fraga coa rúa Maruja Mallo (antiga 1ª travesía doutor López Astray), e que levará consigo a mellora das comunicacións e o reforzamento da seguridade viaria ao posibilitar a creación dun novo acceso para os autobuses do transporte escolar pola parte posterior do instituto.