Concello
O Concello programa un “Outono Xuvenil” con propostas lúdicas para mozos de entre 12 e 30 anos de idade
05/10/2019
O Concello da Laracha organiza un novidoso programa con propostas lúdicas dirixido a mozos de entre 12 e 30 anos de idade. Outono Xuvenil inclúe tres saídas a instalacións de referencia para a realización de actividades recreativas dirixidas á mocidade.
O sábado 26 de outubro (11:00 a 13:30 horas) acudirase ao centro de simulación táctica Coruña Láser Combat, que conta cun amplo campo cuberto onde os participantes pasarán dúas horas xogando en equipos e ecreando estratexias con armamento láser. O custe da inscrición é de 20 euros.
O sábado 16 de novembro (10:30 a 13:30 horas) visitaranse as instalacións de Coruña Virtual Games, un lugar de referencia en Galicia no emprego para uso recreativo das tecnoloxías de realidade virtual de última xeración. O custe é de 15 euros e neste caso requírese ter, canda menos, trece anos de idade.
Por último, o venres 27 de decembro en horario de tarde (16:00 a 18:30 horas) proponse unha xornada no Urban Planet de Oleiros, onde os asistentes poderán gozar do trampolín park máis grande de España para practicar saltos e piruetas. O custe da inscrición é de 14 euros.
En todos os casos o Concello da Laracha asume os gastos do transporte e dos monitores que acompañarán aos participantes durante as tres xornadas.
As prazas son limitadas e outorgaranse por estrita orde de inscrición. O prazo ábrese o luns.