• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Os novos nomes de 36 rúas e 6 prazas públicas situadas nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión xa son oficiais

02/10/2019

O Concello da Laracha, o Instituto Nacional de Estadística (INE) e a Deputación Provincial da Coruña veñen de concluír o procedemento polo cal foron renomeadas ou bautizadas por primeira vez un total de trinta e seis rúas e seis prazas públicas situadas nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión. As modificacións no rueiro xa son oficiais e o Concello da Laracha comezou a notificar individualmente por correo postal a cada unha das vivendas ubicadas nalgunha das rúas ou prazas afectadas. Nos próximos días tamén se procederá á substitución das placas cos nomes das rúas e prazas.

Esta ampla renovación dos rueiros das tres vilas estivo orixinada por diversos motivos, xa que algunhas carecían de nome, outras podían levar a confusión ao coincidir co topónimo de lugares ou parroquias do termo municipal, noutras modifícase para dar entidade de rúa as antigas travesías e nun caso o cambio faise en cumprimento da Lei de Memoria Histórica.

O sistema elixido para decidir os novos nomes foi pioneiro en Galicia. En novembro de 2018 realizouse unha consulta popular na que participaron máis de douscentos veciños do termo municipal da Laracha. Os cambios no rueiro foron aprobados polo Pleno por unanimidade.

Seguindo co procedemento requirido para unha tramitación destas características, deuse traslado do acordo plenario tanto ao Instituto Nacional de Estadística (INE) como á Deputación Provincial da Coruña para proceder á actualización dos novos nomes das rúas no censo, que tamén foron comunicados a Correos e a Catastro.

Nos próximos días o Concello da Laracha porá a disposición da veciñanza material impreso e dixital cos novos rueiros dos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión.