• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Comeza o obradoiro "A Laracha polo emprego xuvenil" que organizan o Concello e a Consellería de Economía, Emprego e Industria

30/09/2019

O obradoiro A Laracha polo emprego xuvenil xa está en marcha desde hoxe. O alcalde, José Manuel López Varela, e a secretaria territorial da Xunta de Galicia, Patricia Rodríguez, presentaron este mediodía o programa nun acto desenvolvido no edificio administrativo da Laracha –onde se realizará a fase teórica- ante os dezaseis alumnos traballadores e as cinco persoas que compoñen o equipo formado polo director, mestre para cada unha das dúas especialidades, mestre de ensino básico e auxiliar administrativo.

Este programa mixto de formación e emprego vai dirixido a mozos de entre dezaoito e trinta anos de idade que figuran no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Oito deles formarán parte da especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e outras oito, da de traballos de carpintería e moble. Durante os seis meses de duración do obradoiro terán a ocasión de formarse en sectores con demanda de emprego e tamén terán unha remuneración económica pola súa participación no programa.

O alcalde, José Manuel López Varela, deu a benvida ás persoas que formarán parte do obradoiro de emprego e agradeceu á Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia o necesario apoio para poder levar a cabo esta iniciativa. Destacou que “oportunidades destas características non as teñen moitos universitarios”, polo que felicitou ás persoas seleccionadas e animounas a aproveitar esta “ocasión de formarvos en sectores nos que existe demanda de traballadores cualificados”.

Patricia Rodríguez cifrou en 180.000 euros o investimento que realiza a Consellería de Economía, Emprego e Industria nun “novo esforzo dirixido a mellorar a empregabilidade” das persoas participantes, que serán formadas a nivel teórico e práctico e recibirán o correspondente certificado de profesionalidade. A secretaria territorial da Xunta de Galicia considera que os obradoiros de emprego son os mecanismos máis válidos para mellorar o currículo e as capacidades dos mozos que se atopan en situación de busca activa dun posto de traballo e salientou que son un exemplo de cooperación entre administracións.