• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Deportes

O alcalde recibiu no concello a Noelia Loureiro, subcampioa de Europa junior en dúas probas de salvamento e socorrismo

01/10/2019

A larachesa Noelia Loureiro –acompañada pola súa nai- foi recibida hoxe no Concello polo alcalde, José Manuel López Varela, e as edís Patricia Bello e Rocío López, en recoñecemento aos seus brillantes resultados nos campionatos europeos de salvamento e socorrismo disputados a semana pasada na localidade italiana de Riccione.

Noelia, que representou ao Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL), proclamouse subcampioa europea junior nas probas de 100 metros socorrista e 100 metros rescate con aletas, logrando por tanto dúas medallas de prata.

Ademais, quedou 4ª clasificada en 100 metros combinada e 6ª en 200 metros supersocorrista.

López Varela felicitou a Noelia e mostroulle o seu orgullo porque unha veciña da Laracha, que compite co club local e adestra ao máximo nivel en instalacións municipais, estea entre as mellores de Europa na súa categoría. O rexedor tamén lle fixo entrega dun detalle institucional en nome da Corporación municipal.