Concello
Aprobados por unanimidade todos os puntos da orde do día do pleno
27/09/2019
No Pleno ordinario correspondente ao mes de setembro celebrado hoxe todos os puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade. A sesión foi presidida polo concelleiro Ramiro Bello ao estar presentes o alcalde, José Manuel López Varela, e os edís José Ramón Martínez e Rocío López por atoparse en Israel participando no programa europeo Conexión STEM: educación non formal.
Así, quedaron fixados como festivos locais do próximo ano o Martes de Entroido (25 de febreiro) e o día da Romaría dos Milagres de Caión (8 de setembro).
Tamén foi aprobado o convenio co Ministerio de Interior que significará a incorporación do corpo da Policía Local da Laracha ao sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero (sistema VioGén). Deste xeito establécese a colaboración entre o Concello e a Secretaría de Estado de Seguridade para a formación, especialización e emprego da aplicación informática do sistema VioGén por parte dos profesionais do corpo de seguridade municipal, así como a posta en práctica do protocolo para a valoración policial do nivel de risco de violencia de xénero ante a detección de posibles situación desas características. Dito convenio non leva consigo ningún custe e terá unha vixencia de catro anos prorrogables por outros catro máis.
O outro asunto acordado por todos os grupos foi a aprobación inicial do Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, documento que é froito do convenio de colaboración entre o Concello, a Xunta de Galicia, a Fegamp e a empresa pública Seaga para o establecemento dun sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias. O documento será sometido agora ao trámite de información pública antes de elevar a aprobación a definitiva.