Concello
O Concello organiza unha excursión a Madrid, Cuenca e Toledo para persoas maiores, xubiladas e pensionistas
28/09/2019
O Concello da Laracha organiza unha nova excursión dirixida a persoas maiores, xubiladas e pensionistas. Nesta ocasión os puntos de destino serán Madrid, Cuenca e Toledo, e farase do 21 ao 25 de outubro.
A iniciativa consiste nunha viaxe en autobús, que partirá desde A Laracha na mañá do luns 21 de outubro. Durante os cinco días realizaranse visitas turística e culturais guiadas pola cidade de Madrid, o Parque Europa de Torrejón de Ardoz, Chinchón, Toledo e Cuenca (incluíndo a Cidade Encantada). O regreso está previsto para última hora da tarde do venres 25 de outubro.
O prezo por persoa é de 275 euros, que inclúe catro noites de hotel en habitación dobre e réxime de pensión completa (almorzo, comida e cea), guía en todas as visitas e seguro de viaxe. O Concello da Laracha subvencionará integramente o custe do transporte en autobús.
As persoas que cumpran os requisitos e desexen realizar a excursión deben preinscribirse no departamento de Servizos Sociais, situado no edificio administrativo da Laracha, entre o luns 30 de setembro e o mércores 2 de outubro. No caso de que o número de solicitudes supere as 50 prazas dispoñibles, para outorgalas faríase un sorteo público o mércores 3 de outubro ás 11:00 horas no Salón de Plenos do Concello.