• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Ábrese o prazo de inscrición nas 34 propostas do programa municipal de actividades de inverno

28/09/2019

O Concello da Laracha abrirá o martes 1 de outubro a inscrición nos diferentes cursos, obradoiros e escolas deportivas municipais que conforman a ampla oferta incluída no programa de actividades de inverno 2019/2020 que se vai desenvolver desde o mes de outubro e ata o finais de maio. En total hai trinta e catro propostas, das cales dezanove serán para adultos e outras quince, para nenos.

Son obxectivos esenciais deste programa o aproveitamento do tempo libre dos veciños, facilitar a práctica de actividades deportivas entre os adultos e os rapaces, favorecer a conciliación da vida persoal e laboral das familias con nenos ao seu cargo e aprender novos coñecementos útiles para a vida cotiá.

A oferta de actividades para nenos e mozos inclúe, como no ano anterior, baloncesto, fútbol sala, informática, manualidades e pintura ao óleo, pádel, patinaxe, obradoiro de cociña infantil, robótica e programación, teatro, tiro con arco, xadrez e zumba kids. As novidades que se incorporan por primeira vez ao programa serán outras tres propostas deportivas: surf, voleibol e ximnasia rítmica. Os horarios das actividades son compatibles cos dos centros de ensino para facilitar a participación dos rapaces.

As persoas adultas poderán participar en cursos de aeróbic, aquagym, arte floral, bailes latinos, cociña, encaixe de palillos, informática (tres cursos diferentes: iniciación á informática, iniciación a internet e uso do paquete Office), ioga, labores de tecido, manualidades e pintura ao óleo, memoria e alfabetización, obradoiro de respostería, pádel, restauración e tapicería, pádel, tiro con arco e ximnasia de mantemento e zumba. Ademais, incorpórase ao programa o curso de teatro para adultos.

O Concello da Laracha desenvolverá unha campaña de información, promoción e divulgación deste programa de actividades durante a próxima semana, centrándose especialmente nos colexios e nas diferentes instalacións municipais.

É requisito imprescindible para poder inscribirse en calquera das actividades estar empadroados no termo municipal. Como en anos anteriores, a cota xeral de inscrición será de vinte euros por toda a duración dos cursos. Haberá descontos para as persoas que se apunte en dúas ou máis actividades. Tamén existen reducións do cincuenta por cento no prezo das actividades para os menores de dezaoito anos de idade, as persoas maiores de sesenta e cinco anos, familias numerosas e aquelas familias nas que todos os membros se atopen en situación de desemprego.

O Concello da Laracha tamén continúa apostando por descentralizar o oferta e levar determinadas actividades ás parroquiais, aproveitando a existencia de centros socioculturais e locais de titularidade municipal. Principalmente os cursos de arte floral e de ximnasia de mantemento son os que están a ter mellor acollida nas zonas rurais.

Os programas de actividades de inverno e de verán –ademais do de Nadal, Entroido, Letras Galegas e Mes do Libro, entre outros- que cada ano organiza o Concello da Laracha son un dos eixos da política municipal en materia social, deportiva e cultural, sendo o perfecto complemento á ampla cobertura en infraestruturas e tamén no apoio organizativo e económico que se presta aos clubs e asociacións ao longo de todo o ano.

Descargas: Programa de actividades 2019-2020