• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O GOBERNO LOCAL LEVARÁ O PLAN DE POSTA EN VALOR DO PATRIMONIO CULTURAL AO PRÓXIMO PLENO

07/12/2015

O goberno local da Laracha levará á próxima sesión do Pleno a proposta de aprobación provisional da modificación puntual número 4 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) necesaria para o desenvolvemento do proxecto de posta en valor do patrimonio histórico-cultural do Concello da Laracha. O trámite do acordo plenario é requisito necesario previo a remitir o documento á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, organismo competente para elevar dita aprobación a definitiva.   

O Concello da Laracha avanzará deste xeito nesta tramitación urbanística despois de recibir recentemente o informe sectorial favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Previamente tamén deran o seu visto bo ao documento todos os organismos implicados: Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Ordenación do Territorio, Delegación do Goberno en Galicia, Deputación Provincial da Coruña (servizos de asistencia técnica urbanística), Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Ministerio de Fomento (Secretaría General de Infraestructuras, Subdirección General de Planificación Ferroviaria, Secretaría General de Transportes e Dirección General de Aviación Civil) e Ministerio de Industria (Subdirección General de Redes y Operadores de Telecomunicaciones).   

O Plan de posta en valor do patrimonio histórico-cultural precisa da modificación puntual no PXOM dirixida a ofrecer a máxima protección a sete elementos arqueolóxicos xa incluídos no Catálogo de Patrimonio municipal. Trátase das Torres de Cillobre, a pedra fita Marco da Anta, os dous Fornos dos Mouros de Soandres e os castros de Montesclaros, A Pena e Santa Baia.   

As Torres de Cillobre son unha fortaleza datada no século XIV e situada na vila da Laracha. Tivo unha gran relevancia na época feudal ao pertencer a familias nobres como os Gómez Pérez das Mariñas. Sufriu as consecuencias dos ataques irmandiños e hoxe en día aínda se conservan parte do muro perimetral e a vivenda da torre. Trátase dun dos símbolos municipais máis coñecidos ao aparecer representado no escudo do Concello da Laracha.   

A pedra fita Marco da Anta (tamén coñecida como Pedra do Ghicho) é o único exemplar deste tipo existente na Costa da Morte. Sitúase nas inmediacións do núcleo de O Loureiro, na parroquia de Erboedo. Os estudos realizados sobre este monumento indican que se trata dun menhir que alcanza os dous metros de altura, debuxa unha forma características de pedra apuntada de lados asimétricos e posúe calzos na base.   

Os Fornos dos Mouros son estruturas megalíticas localizadas na parroquia de Soandres, a unha distancia entre elas de apenas un quilómetro. Unha sitúase no lugar de Silvoso e a outra, na zona ubicada entre os regos de Espindro e o de Parada.   

Os outros tres elementos que se inclúen no Plan son os máis relevantes xacementos castrexos existentes no municipio, todos eles pertencentes á idade de ferro. O castro de Montesclaros é o de maior tamaño –segundo estudos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, é un dos máis grandes dos catalogados en Galicia- e sitúase na parroquia de Vilaño. A croa de Santa Baia (Soandres) é o mellor conservado. O castro de A Pena e o outro asentamento que se incluirá no documento debido á zona na que está situado.   

A aprobación da modificación do PXOM é o paso inicial necesario para sentar as bases dirixidas a que os citados elementos arqueolóxicos e os terreos nos que están situados pasen a ser de titularidade pública –actualmente todos eles pertencen a particulares-, o que permitiría o posterior desenvolvemento das actuacións para a súa recuperación, promoción e difusión da riqueza histórico-cultural que existe no Concello da Laracha e que para a maioría dos veciños aínda está por descubrir.

Compartir: