• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Laracha acollerá un obradoiro para coidadoras de persoas dependentes

24/09/2019

O feito de coidar a unha persoa en situación de dependencia implica unhas consecuencias sobre o benestar, a saúde e a calidade de vida das mulleres que desenvolven dita tarefa (os denominados “custos do coidar”). En moitos casos ditas persoas, antepoñendo o coidado ás súas propias expectativas e proxectos de vida, ven afectada a súa saúde, a súa autoestima, o seu lecer e tempo libre, a súa vida familiar, as súas relacións, o seu traballo e por tanto a súa economía. Para estas mulleres a responsabilidade case exclusiva do coidado das persoas dependentes supón unha ruptura co seu proxecto de vida persoal, relegando os seus desexos e necesidades para atender aos doutras persoas, e sumíndoas así nun estado de depresión e illamento social. 

Conscientes desta situación, e para paliar estas consecuencias, o Concello e a Fundación Mujeres –coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña- desenvolverán na Laracha un obradoiro concibido como un recurso de orientación, acompañamento e apoio a distintos niveis (emocional, formativo, de activación persoal e social) que pretende ser un complemento aos recursos xa existentes de apoio á dependencia. Deste xeito contribuirase a mellorar a calidade de vida das mulleres coidadoras, excoidadoras e futuras coidadoras e a promover o seu desenvolvemento persoal e social aprendendo a demandar apoio de xeito eficaz e fomentando hábitos de vida máis saudables. Na metodoloxía do obradoiro primarán as actividades grupais dirixidas a reforzar as relacións sociais a través da interacción con mulleres que están na mesma situación.

A formación en materia de autocoidado, xestión emocional, habilidades de comunicación, autoestima, pretenden que as mulleres poidan exercer os labores de coidado dunha maneira máis saudable, mellorar a súa calidade de vida e que se minimicen os riscos de saúde que corren na actualidade, asociados a malas prácticas e hábitos prexudiciais en relación ás tarefas que desenvolven como coidadoras. Desta forma fomentarase o seu empoderamento persoal durante toda a intervención. 

A formación comeza o 10 de outubro. Cada xoves haberá sesións de dúas horas de duración cada unha (10:30 a 12:30 horas) ata o día 12 de decembro.

A inscrición, que é gratuíta, debe formalizarse no departamento de Servizos Sociais (edificio administrativo). A data límite é o 7 de outubro.