Concello
O Concello organiza un “Outono de Contos” para promocionar a lectura
20/09/2019
O Concello da Laracha porá en marcha un novo programa infantil que pretende o triplo obxectivo de ofrecer aos nenos unha alternativa divertida para o seu tempo de ocio, favorecer a conciliación da vida persoal e laboral dos seus pais e, como aspecto central, fomentar a lectura entre os máis pequenos da casa.
Outono de contos desenvolverase nas tres bibliotecas públicas que existen no termo municipal. Organízase coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través do programa de dinamización da lectura Ler conta moito.
A relación de eventos e lugares de realización, en todos os casos a partir das 18:00 horas, é a seguinte:
Biblioteca municipal da Laracha
- Venres 4 de outubro: A cabeza do dragón, de Títeres Cachirulo.
- Mércores 9 de outubro: Bichocas, de Xarope Tulú (dirixido a bebés).
- Venres 18 de outubro: Xan Perillán e a maleta máxica, de Os Monicreques de Kukas.
Biblioteca municipal de Caión
- Luns 23 de setembro: De trebellos, perellos e fedellos, de Os Monicreques de Kukas.
- Martes 1 de outubro: A verdadeira historia de Hamelin, de Mere Clown.
- Venres 11 de outubro: Maxia divertida 2.0, co Mago Paco
- Mércores 23 de outubro: O cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa, de Teatro Calavera.
Biblioteca municipal de Paiosaco
- Mércores 25 de setembro: Os libros contraatacan, de Lucecús Teatro.
- Xoves 3 de outubro: Avós, de Trinketrinke Teatro.
- Martes 15 de outubro: Conto para escoitar mentras bailamos un valse, de Caxoto.
- Venres 25 de outubro: Maxia e libriños con Leo Leíño, de Teatro Calavera.
En todos os eventos, a entrada será libre e gratuíta.