Concello
A Laracha participará a próxima semana en Israel nun programa europeo sobre formación non formal para a xuventude
21/09/2019
Baixo o título Conexión STEM: educación non formal, durante a próxima semana –desde o luns 23 e ata o sábado 28 de setembro- celebrarase en Israel, nas cidades de Tel Aviv e Xerusalén, un programa europeo centrado na formación da mocidade en ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas. Segundo a perspectiva da Unión Europea, nos próximos anos precisaranse máis de un millón de persoas vinculadas de xeito profesional a ditos sectores, o que supón a apertura dun importante abano de oportunidades no mercado laboral.
A iniciativa, apoiada polo Instituto de la Juventud (Injuve) e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia no marco do programa Erasmus+ impulsado pola Unión Europea, pretende favorecer que a mocidade poida aproveitar as posibilidades que se lles abrirán nun futuro próximo.
Forman parte do proxecto Conexión STEM: educación non formal un total oito institucións e agrupacións de diversos perfís procedentes de diferentes países europeos como España, Israel, Rusia, Xeorxia, Italia, Grecia e Portugal. O Concello da Laracha será o socio que capitaneará o proxecto, estando representado en todos os actos oficiais que se desenvolvan nas figuras do alcalde, José Manuel López Varela, e dos concelleiros José Ramón Martínez Barbeito e Rocío López.
O programa de actos principiará o luns co recibimento a todos os participantes. En cada xornada celebraranse ponencias, reunións de traballo e diversidade de actos para afondar nas relacións entre os propios socios do proxecto e coñecer as súas características, inquedanzas e propósitos para favorecer o futuro desenvolvemento de iniciativas conxuntas.
Entre os eventos a levar a cabo en ambas cidades destacan as recepcións oficiais no concello de Xerusalén e na embaixada de España en Tel Aviv, visita ao Instituto Cervantes, reunión coas direccións de turismo e cultura locais e encontros en centros comunitarios centrados no emprendemento xuvenil e o desenvolvemento tecnolóxico. A despedida será o sábado 28 de setembro.
O Concello da Laracha lidera este proxecto co propósito principal de captar ideas, coñecer diferentes políticas e iniciativas xuvenís que se desenvolven en diferentes países europeos e establecer relacións cos socios participantes. Sobre esta base preténdese que nun futuro os mozos do noso municipio entren en contacto con persoas da súa mesma idade doutros países europeos para coñecer as súas culturas, reforzar a aprendizaxe de idiomas, intercambiar coñecementos e experiencias e adquirir orientación sobre formación, capacitación profesional e oportunidades de emprego.
Deste xeito o Concello da Laracha continúa aproveitando as oportunidades que ofrece a Unión Europea a través dos seus programas para potenciar a participación cívica e fomentar as relacións entre cidadáns de diferentes países do ámbito continental. Neste caso será a través de Erasmus+, centrado nos ámbitos da educación, a formación, a xuventude e o deporte e que trata de impulsar as perspectivas laborais e o desenvolvemento persoal, ademais de axudar aos sistemas de educación e formación a proporcionar unha aprendizaxe que dote ás persoas das capacidades necesarias para o mercado laboral e a sociedade actual e futura.