• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

ABERTA A INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NOS CONCURSOS DE ESCAPARATES DE NADAL E DE PANXOLIÑAS

07/12/2015

O Concello da Laracha está a ultimar o contido do programa de eventos e actividades de Nadal, que contará con propostas para todos os públicos desde finais de ano e ata a Cabalgata dos Reis Magos do 5 de xaneiro, coincidindo coas vacacións nos centros de ensino. Como vén sendo habitual nos últimos anos, no marco deste programa desenvolveranse catro tradicionais concursos: os de conto e postais, dirixidos ao alumnado dos colexios, e os panxoliñas e escaparates. Nestes dous últimos casos, o prazo de inscrición xa está aberto.

O concurso de escaparates chega este ano á súa 20ª edición, consolidándose como todo un clásico da programación de Nadal. O Concello convida a participar a todos os comercios do termo municipal da Laracha que dispoñan de escaparate exterior.   

Os locais que se inscriban deben estar decorados con motivos propios desas datas desde o 18 de decembro (data na que remata o prazo de inscrición) ata o 6 de xaneiro. Repartiranse cinco premios -dotados cun total de 750 euros- aos establecementos mellor puntuados polo xurado, que fará a valoración o 28 de decembro   O certame de panxoliñas María Angeriz Tuset terá lugar o sábado 2 de xaneiro a partir das 18:30 horas na Casa da Cultura da Laracha. Poderán participar todas as asociacións culturais, coros parroquiais e grupos do municipio que o desexen.   

Están establecidas tres categorías de premios dotadas con 350, 300 e 275 euros. Todos os participantes teñen garantido o premio da terceira categoría, xa que un dos propósitos esenciais deste evento é subvencionar a actividade que desenvolven ao longo de todo o ano.   

Por último, lembrar que os concursos de postais e de conto van dirixidos a alumnos dos colexios (Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión) e das escolas unitarias (A Revoltiña de Soandres e Cumiáns de Montemaior) do municipio. O certame de conto é para estudantes do terceiro ciclo (quinto e sexto) de primaria. No de postais poderán participar alumnos de infantil e dos dous primeiros ciclos de primaria, estando establecidas categorías de premios diferenciadas por grupos de idade.   

En ambos casos a valoración realizarase o martes 15 de decembro pola mañá na biblioteca municipal da Laracha. O xurado estará formado por representantes do Concello e dos diferentes centros de ensino. Os gañadores recibirán os seus agasallos, compostos por xogos e material educativo, o sábado 19 de decembro nun acto que se desenvolverá na Casa da Cultura da Laracha a partir das 13:30 horas.

Compartir: